Rúa Paz 9
32005 - Ourense
O Festival Voces Femeninas chega este ano á súa 5ª edición e faino cun cartel que un dos seus organizadores, David Rodríguez Pedrouzo, do Café & Pop Torgal, define como o mellor destes cinco anos de actividade. As intérpretes seleccionadas para esta nova cita coa música en feminino son a irlandesa Lisa Hannigan e as norteamericanas Little Scream -nome artístico de Laurel Sprengelmeyer- e Holly Miranda. O festival celebrarase o día 22 de novembro no Teatro Principal de Ourense, onde actuarán as tres compositoras e vocalistas e no que se renderá homenaxe tamén a outra grande da música, Nina Simone (Tryon, 1933 - Carry le Rouet, 2003), considerada pola crítica especializada como unha intérprete de jazz -aínda que ela rexeitaba esta clasificación-.
O festival foi presentado en Ourense polos seus organizadores e promotores: David Rodríguez Pedrouzo, do Café & Pop Torgal; Rosana Álvarez, responsable de comunicación e proxectos culturais de Purificación García; Edu Romero, de Coconut Producións; Mónica Vázquez, concelleira de Igualdade e Voluntariado do Concello de Ourense e Olga Mojón, directora do Teatro Principal.
O festival celébrase sempre a finais de novembro para facelo coincidir co Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nesta liña, Mónica Vázquez sinalou que a violencia de xénero é un problema de toda a sociedade, un mal endémico ao que aínda non demos resposta e amosou o desexo de que todos loitemos por un escenario de oportunidades e por construír unha sociedade diferente, onde as mulleres e os homes teñamos as mesma oportunidades. Neste contexto enmárcase o apoio do Concello ao festival Voces Femeninas, que quere ser tamén unha homenaxe a todas aquelas mulleres ás que a brutalidade da violencia machista privou da súa existencia.
Previamente á actuación no Teatro Principal, as intérpretes ofrecerán un pequeno concerto na tenda que Purificación García ten na rúa do Paseo. Rosana Álvarez, responsable de Comunicación da firma, amosou o compromiso da empresa para apoiar esta iniciativa que ten como obxectivo dar voz ás mulleres. Ademais este ano o festival da un salto a Madrid, ao Teatro Lara, onde actuarán o día 20 de novembro ás 22.30 horas co apoio tamén da firma textil.
Compartir:
Laborables de lunes a viernes de 9:00h a 14:00h / info@teatroprincipalourense.com
CONTACTOContribuye con tus sugerencias al desarrollo de nuestro teatro.
© 2021 Teatro Principal de Ourense - Todos los derechos reservados // Diseño, maquetación y programación web a medida Grupo5.com