30 e tantos ósos é unha viaxe de catro mulleres de trinta e tantos anos que, cansas de vivir agochadas detrás das paredes, adoptando condutas alleas, deciden transcender a pel e a carne a través da figura mítica da Loba; para chegar aos seus ósos, á materia máis elemental, onde se inscribe a súa historia persoal e colectiva, atopándose, desterrado, o seu potencial máis vital e salvaxe. Trátase de volver a mirada atrás, ao faiado (como Kantor volvía á súa clase da infancia), ese lugar onde se perde a noción do tempo pola encrucillada de épocas e xeracións que o constrúen, e se amorean os obxectos de toda unha vida ateigados de lembranzas para, unha vez alí, observalos, removelos, quitarlles o po, confrontarse con eles e pedirlles que falen daquilo que viviron e presenciaron, que nos digan a verdade con crueza, dende o silencio no que habitan, para provocar unha catarse que nos conduza do fondo á superficie e que nos manteña espertas, dispostas, preparadas para a loita que é sempre eterna.