A orixe de Homes Bisagra parte dunha proposta de Baltasar Patiño ao percusionista Nacho Sanz para traballar xuntos, hai agora catro anos. Unha proposta escénica híbrida que se achega máis á idea de concerto que á de representación teatral. O espazo sonoro e as atmosferas de luz son as que suxiren, evocan e producen situacións, compartindo a escena coa presenza dos corpos. Catro homes no escenario, nun espazo cambiante, transformado continuamente pola mestura e as conexións entre o que se é e o que se escoita, entre o que se percibe e o que pasa inadvertido. A música e o ambiente de son están xerados en directo por unha colección de sintetizadores históricos da primeira época da composición da música electrónica. A bisagra, por definición, serve de punto de unión e ao mesmo tempo permite a articulación: o movemento, a apertura, o transitar. E posibilita desmontar cousas e montalas.