Ultranoite no País dos Ananos (un cabaré nihilista ou un musical sobre a derrota) O País dos Ananos é unha viaxe retranqueira que facemos a través da Ultranoite ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo dispendio do presente, o cinismo das clases dirixentes e a fin da esperanza nun futuro mellor. Para retratar esta terra humillada polo asfalto servímonos da compañía de dous autores emparentados polo seu mal humor e un lirismo tan afiado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. Diante deles nós somos simples aprendices. Pero somos honestos, non nos gusta nada como se fixeron as cousas, estamos convencidos de que se poderían facer mellor de calquera outra maneira só cun chisco de xenerosidade e honradez e, tal e como están as cousas, non confiamos en absoluto que isto teña amaño. Só un cheiro satírico pode facer respirable unha democracia tan fedorenta. Esta Ultranoite no País dos Ananos ten un estómago e un corazón. Co estómago na man fixemos uns sketches inzados de tópicos, contos e lugares comúns para ceibar unhas risas cómplices. A corazón aberto ofrecemos unha presa de músicas e cancións sen lugar para esperanza, pero dun lirismo, unha beleza e unha contundencia incomprensiblemente arrebatadoras.