“A galiña azul” é un espectáculo que mistura títeres e actores, baseado no conto homónimo de Carlos Casares. Está orientado ao público infantil e familiar, que é co que habitualmente traballamos ao longo da nosa dilatada traxectoria profesional. “A galiña azul” resulta unha convincente arma contra a inxustiza, unha clara defensa da diversidade. Fainos lembrar que aínda é posible loitar contra a homoxeneidade cando esta vén imposta, que formas alternativas de resistencia seguen existindo aínda que sexa pintando galiñas de azul e organizándose de xeito colectivo. Con esta peza seguimos explorando as posibilidades do teatro non só como desfrute e diversión, senón tamén como ferramenta de concienciación social e como parte importante na formación integral das persoas.