Teatro Principal de Ourense desde 1830

GL
Teatro Principal de Ourense

Rúa Paz 9
32005 - Ourense

COMPRAR ENTRADAS

Teatro
A NENA E O GRILO E MÁIS ALÓ – MOTI 2019

Compartir:

Un espectáculo grande para xente miúda. Pódese medrar a través de cancións e imaxes? O espectáculo A nena e o grilo de Magín Blanco –cos seus amigos - fainos, sen dúbida, un anaco máis grandes. Música do século XXI con tintes de pop, rock, reggae ou bossa nova, relatos que nos falan de que podemos aspirar a un mundo mellor, imaxes que nos achegan ás novas linguaxes. Para saír cuns centímetros de máis, mesmo que sexa en doses de ilusión,creatividade e imaxinación. E tamén, como non, un chisco máis felices. Que Magín Blanco proceda do pop e se achegue agora por vez primeira a un público “sen límite de idade” dálle, certamente, un ar fresco a un espectáculo pensado tamén para os máis cativos. O ex da banda La Rosa ve agora como parte do seu público merma en idade pero conserva, intactos, o criterio e a esixencia. Para a xente miúda fai un espectáculo grande e resolve no escenario con achegas de enerxía, calidade e emocións. A que soa A nena e o grilo? A pop, a rock, a música de autor pero tamén a beliscos de folk, reggae ou bossa nova, sons que todos os que participan no proxecto viven dalgún xeito e aos que o novo público comeza a achegarse nestes os seus primeiros concertos. Tras o dereito a ser felices. E que conta A nena e o grilo? Contos a través de cancións ao fío da amizade dunha nena e un grilo. Os dous personaxes descóbrennos emocións e sentimentos, apréndennos a vivir, e fan que nos mergullemos nun universo máxico e ilusionante. Historias para nenos e nenas de todas as idades, para aprender, ser e sentir, para convencernos de que podemos crear outra realidade. Móstrannos un país aberto e sen fronteiras, no que se reclama o dereito de todos e todas a ser felices. Neste mundo da nena e o grilo, o coidado da natureza, a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a amizade ou o respecto ás distintas identidades son o ar que se respira. Valores que fan de A nena e o grilo un espectáculo acaído para os centros escolares, nun ensino aberto e plural ao que se lle ofrece un xeito distinto de construír un mundo novo a través da escola. Para aprendermos mentres xogamos, para sabermos mentres cantamos. E que pasa en A nena e o grilo? Pasa que todos os públicos se divirten, xogan cantando, entretéñense, aprenden, tiran fóra os prexuízos, achéganse á música de forma participativa, ilusiónanse con que a vida está chea de facetas creativas e comunícanse. Tamén acontece que os máis cativos adentránse na música, a literatura e a arte pasándoo en grande e sentíndose grandes nun universo de pequenos. Magín demostra tamén que os nenos e nenas son públicos esixentes, que viven no seu tempo e saben responder cando se lles ofrece un traballo serio e coidado. Estamos nin máis nin menos que diante dos primeiros concertos do público do século XXI. E iso son palabras maiores! En todo este universo, Magín actúa coma un prestidixitador que fai que as distintas pezas se sitúen nun mecano de relatos, sons e distintas linguaxes que el manexa con destreza. Para viaxar connosco toda a vida. Un estilo actual e contemporáneo para un produto concibido para todas as idades, que gusta aos nenos e nenas grandes e aos grandes nenos e nenas Un novo xeito de contar e cantar que ben se pode descubrir a curta idade, pero co que se viaxará ao longo de toda a vida.
Duración:
60 minutos
Descanso:
Non
Idioma/s:
Galego

¿Necesitas axuda? Contacta connosco:

Laborables de luns a venres de 9:00 h a 14:00 h / info@teatroprincipalourense.com

CONTACTO

Implícate co teu teatro

Contribúe coas túas suxerencias ao desenvolvemento do noso teatro.

IMPLÍCATE
Deputación de Ourense

© 2021 Teatro Principal de Ourense - Todos os dereitos reservados // Deseño, maquetación e programación web a medida Grupo5.com

Na nosa web utilízanse cookies propias e de terceiros con finalidade analítica e de márketing. Para continuar navegando é necesario aceptar a política de cookies.
Configurar Aceptar