A vida de dous xemelgos nun mundo onde non se debe transgredir a historia. Onde non se pode pensar o impensable e onde o impensable, polo tanto, non debe suceder. Un contexto social exacerbado pola miseria económica e moral, que tantas veces van xuntas. Relacións de parella truncadas aquí e na outra parte do mundo que acaban empurrando cara un final non desexado. O amor maternal, con erros, con brusquedades, onde as pequenas cousas poden facer que aletee unha bolboreta negra no noso corazón ou que nos sintamos arroupados no medio dun gran trebón. O presente é froito dun pasado marcado na pel e nos espíritos, entrelazado por pequenas cousas, alegrías efémeras, momentos únicos e irrepetibles, como o xiz no encerado ou como as ondas das pedras no río. Ese pasado que volve constantemente á mente dos seres danados ata a loucura, un pasado que pesa no reencontro dos que se despediron sendo nenos e agora son adultos, a lembranza dos feitos que cambiaron para sempre as súas vidas. O libro de Arundhati Roy, O deus das pequenas cousas, soñado en escena por Maricastaña.