Un especialista en investimentos de súpeto atópase inmobilizado no sofá da súa casa: en menos de 24 horas o banco suspendeu o seu contrato, a súa muller abandónao e por culpa dunha caída lesionou as costas. Agora depende completamente dos coidados aparentemente desinteresados do seu empregado do fogar, un inmigrante ao que, en Noitevella, regala 40.000 euros para que poida abrir unha farmacia no seu país. Reconstruíndo como chegaron ata tal extremo, Ayuda amósanos unha relación que abanea entre unha inesperada intimidade e a inevitable desconfianza, explicándonos ao mesmo tempo, mediante sinxelas analoxías, os perversos mecanismos da economía occidental nos tempos de crise. “Unha intelixente e orixinal forma de poñer de relevo a desigualdade sobre a que se sostén o noso sistema e con ela a perversidade da natureza humana”. A compañía: Los Lunes é unha compañía creada en 2011 polo actor David Luque e a directora Fefa Noia. Despois dun prolongado percorrido formativo e profesional, o seu propósito é o desenvolvemento autónomo de propostas escénicas, a conformación dun equipo de creadores con inquietudes en común e a apertura de canais de comunicación con outros colectivos e institucións. Despois de Wild, Wild, Wilde, coa que estiveron no 5º FITO, e Cuerdas, Ayuda é o seu terceiro proxecto.