"Blackbird”: merlo. “Black”, negro, representa a morte, o mal e o descenso á tumba, mentres que “bird”, paxaro, simboliza a vida eterna e o ascenso aos ceos. O “blackbird” simboliza a tensión entre a alma e o corpo, o espiritual e o terreal. En Blackbird, o autor escocés David Harrower, valente e provocador, retorce os límites do amor, sacudindo a nosa conciencia a través dun reencontro que tenta curar unha ferida froito dun amor imposible que aínda hoxe segue aberta. O conflito trasládase ao patio de butacas, onde o espectador, convertido en xuíz, vai recompondo a través do diálogo un quebracabezas ao que lle faltan pezas. A audiencia mantense nun intenso debate interno dando bandazos dun lado a outro, reflexionando sobre os límites do amor, cuestionándose o concepto de amor en si mesmo e o papel que nel xogan a sociedade, a familia, a lei e a moral. “Blackbird que cantas na morte da noite toma estas ás rotas e aprende a voar. Toda a túa vida estiveches esperando este momento para alzar o voo. Blackbird que cantas na morte da noite toma estes ollos afundidos e aprende a mirar. Toda a túa vida estiveches esperando este momento para ser libre”. The Beatles