Nunha cidade pechada (por defunción), nun mundo onde homes e mulleres grises devoran a alegría, deixan a outros seres humanos sen recursos para poder vivir e acaban sen ningunha consideración o que poderían ser outros xeitos de entender a existencia, unha muller decide dar un paso adiante. O Café Liberdade é a súa resposta a ese mundo do que non gosta. Un espazo único onde o importante son as persoas que o habitan. Persoas que foron entrando no café e foron coñecéndose ao son do piano, da batería, dos libros que a viaxeira puña a disposición de todo o mundo. Xogan ao xadrez baixo unha lámpada, bailan e dróganse. Un espazo que foi construíndose desde a acollida, desde a comprensión do xénero humano, desde a liberdade máis absoluta, desde as artes. O Café Liberdade tratará de persistir nun mundo hostil con personaxes especiais, como somos cada un de nós, como unha oferta a outro mundo posible no medio da guerra voraz na que estamos inmersos. Noite, música, amizade, loita, traizón, policía, marihuana, literatura, amor e desamor, construción nun mundo en destrución, son algunhas das temáticas desta montaxe. Unha república libertaria nunha monarquía hereditaria.
TEATRO PRINCIPAL – DIPUTACIÓN DE OURENSE, CONSELLERIA DE CULTURA, EDUCACION E ORDENACION UNIVERSITARIA DA XUNTA DE GALICIA Y AGADIC, CONCELLO DE OURENSE