A Compañía Nacional de Teatro Clásico: A CNTC é unha unidade de produción do INAEM (Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música) que depende do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Creada por Adolfo Marsillach en 1986, é a institución de referencia na recuperación, preservación, produción e difusión do patrimonio teatral anterior ao século XX, con especial atención ao Século de Ouro e á prosodia do verso clásico. Nos seus case 30 anos de historia a Compañía levou a cabo máis de 85 producións que viaxaron non só por todo o estado español, senón tamén por moitos lugares de Europa e América, afianzando coa súa presenza neles, a vontade de difusión do noso patrimonio dramático. COMEDIA AQUILANA: A historia vira ao redor dos amores do escudeiro Aquilano e a princesa Felicina, filla do Rei Bermudo. Durante o encontro nocturno dos amantes, Aquilano, ferido de amores, cae ao xardín sendo descuberto polos hortelanos Dandario e Galterio, que alertan ao rei. Os médicos de palacio diagnostican o seu mal de amores pola princesa, e Bermudo quere ordenar a súa morte. O criado Faceto revela entón que en realidade Aquilano é fillo do rei de Hungría, o que fai que o rei renuncie á vinganza e autorice a voda. Felicina, en tanto, sae ao xardín a suicidarse, pero a criada Dileta chega coas boas noticias e evita a súa morte. Todos os personaxes aparecen en escena e a obra conclúe co abrazo dos futuros esposos. PREMIO MAX 2019 AO MELLOR DESEÑO DE VESTIARIO