A Sinfonía n.º 9 en re menor, op. 125, coñecida como Coral, é unha sinfonía coral composta por Ludwig van Beethoven entre 1822 e 1824. É a novena e última completa das súas nove sinfonías. Estreouse en Viena o 7 de maio de 1824. Moitos críticos e musicólogos considérana como unha obra mestra da música clásica occidental e un dos logros supremos de toda a historia da música. É unha das obras máis coñecidas da música de práctica común e unha das sinfonías máis interpretadas do mundo.
A Novena foi o primeiro exemplo dun compositor importante que incluíu partes vocais nunha sinfonía. O movemento final, o cuarto, da sinfonía presenta catro solistas vogais e un coro na paralela tonalidade de re maior modulada, coñecida comunmente como a «Oda á alegría». O texto foi adaptado de «An die Freude», un poema escrito por Friedrich Schiller en 1785 e revisado en 1803, con texto adicional escrito por Beethoven.
En 1985, o Consello de Europa, e máis tarde a Unión Europea, adoptaron unha versión adaptada por Herbert von Karajan como o Himno de Europa. En 2001, o manuscrito orixinal de Beethoven da partitura da sinfonía, conservado na Biblioteca Estatal de Berlín, inscribiuse no Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco, onde forma parte da herdanza espiritual da humanidade xunto con outros sobresalientes monumentos, converténdose na primeira partitura musical así designada.