Este concerto está a cargo do violinista José Manuel Álvarez Losada e a pianista Isabel Fèlix, ambos profesores titulares do Conservatorio Superior das Illas Baleares e con sólidas carreiras artísticas, tanto como solistas como intérpretes de música de cámara.
O programa está dedicado integramente a obras compostas por grandes violinistas da historia, desde o Barroco aos séculos XIX e XX, coa presenza ademais do tres máximos expoñentes deste instrumento en España: Pablo de Sarasate, Joan Manén e Manuel Quiroga.
O recital abrirase coa sonata "Trino del Diablo" de Giuseppe Tartini, unha peza que o compositor atribuíu a un soño onde escoitou ao diaño tocar unha sonata "tan marabillosa e tan fermosa, interpretada con tanto arte e intelixencia, como nunca pensara nin nos meus máis intrépidos soños".
A continuación interpretarase La Campanella de Niccolò Paganini, sen dúbida o violinista máis famoso da historia, cuxo fulgurante virtuosismo se atribuía a un pacto demoníaco. Tanto esta peza como a anterior foron revisadas e arranxadas por Fritz Kreisler, un dos máis importantes violinistas do século XX.
Seguidamente os intérpretes tocarán a Polonesa de concerto de Henryk Wieniawski, un dos maiores virtuosos da súa época e compositor de pezas de gran inspiración romántica e extrema dificultade técnica.
O concerto proseguirá coa Danza Ibérica nº 2 de Joan Manén, obra inspirada en ritmos españois, e continuará coa Habanera do violinista galego Manuel Quiroga, considerado un dos grandes intérpretes do primeiro terzo do século XX e cuxa interesante obra permanece hoxe en día inxustamente esquecida.
Finalmente o programa pecharase con duas das obras máis brillantes de Pablo Sarasate, a súa Introdución e Tarantella e a súa Fantasía sobre temas de Carmen de Bizet, nas que o músico navarro desprega con mestría as posibilidades técnicas e expresivas do violín.
PROGRAMA:
Sonata “El trino del diablo” - Giuseppe Tartini
(arr. Fritz Kreisler)
La Campanella - Niccolò Paganini
(arr. Fritz Kreisler)
Polonesa de concierto en Re M, op. 4 nº 1 - Henryk Wieniawski
Danza Ibérica nº 2 - Joan Manén
Habanera - Manuel Quiroga
Introducción y Tarantella op. 43 - Pablo de Sarasate
Fantasía sobre “Carmen” de Bizet, op. 25 - Pablo de Sarasate