En 1982 Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado forman a compañía Viravolta títeres. Ademais da produción e distribución de espectáculos de monicreques realizan outras actividades: cursos, exposicións, programacións (Titerentroido, Titirideza e Cantos e contos do Nadal); sempre relacionadas co mundo da marioneta. Dentro de Viravolta títeres, xurdiu outra compañía, SEISDEDOS, especializada en espectáculos de pequeno formato, adaptados a calquera espazo escénico. No ano 1998, con motivo do 15 aniversario da primeira estrea da compañía de Viravolta títeres, realizouse unha exposición conmemorativa no Museo Municipal “Ramón María Aller” de Lalín, na que mostraron monecos, escenografías, fotografías e demais materiais das montaxes realizadas. Esta exposición foi o punto de partida para a creación do MUSEO GALEGO DA MARIONETA, inaugurado en decembro de 2001, que conta con marionetas, atrezzo, carteis... e unha biblioteca especializada. Viravolta participou en numerosos festivais, circuítos e feiras, destacando entre outros A Mostra Internacional de Teatro Infantil “Xeración Nos”, Festival de Teatro de Ribadavia, Festival Internacional de Títeres de Santiago, Festitíteres de Alacante, Fira Internacional de Teatro de Titelles de Lleida, Feiras Galegas de Teatro, Campañas Escolares, festivais de música como a "Semana do Corpus" de Lugo ou "Cameralia", festival de música de cámara de Santiago de Compostela, Feiras do Libro, Festas Populares, Feiras Tradicionais, Circuítos Culturais, Redes de Teatro etc... CONTOS O PÉ DA CAMA: Nun soño intranquilo polo exceso de tarta e os remorsos, o pequeno Nemo descobre que ao seu redor medra o lixo qwue conquista mares, terras e estrelas. Soños cheos de humor, de perigos, de sobresaltos, de monstros e de Aventura! Espectáculo dirixido aos máis pequenos, combina distintas técnicas de manipulación (Varas, fíos, sombras ...)