Chévere é unha compañía de teatro con vintecinco anos de traxectoria. Neste tempo, converteuse nun dos grupos máis dinámicos e populares de Galicia, sorprendendo ao público non só co seu peculiar sentido do humor, senón que chegou a impoñer unha estética e un estilo propios e recoñecibles. Sempre co humor como filosofía e a risa como expresión, tratando de achegarse e interesar a un público amplo e plural. CHÉVERE mantén unha proposta estética ecléctica, desarraigada e singular e un importante intervencionismo cultural en todo tipo de frontes. “CURVA ESPAÑA” A historia da curva na que se matou España. Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral. Este proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre ahistoria e a lenda, entre a pantalla e o escenario. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense) durante os últimos cen anos. Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias.A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.