Demolición é un texto para dous actores. De tendencia e referencias realistas e actuais. De intención amena e dinámica. De signo aberto pero aportando a posibilidade de diversas lecturas de menor ou maior calado, desde a máis epidérmica, baseada na divertida relación entre os personaxes e nos enxeñosos diálogos que esta suscita, á máis profunda, coas reflexións e metáforas que, explícita ou veladamente, se propoñen sobre as actitudes vitais e sociais e o compromiso cívico a respecto da historia e o tempo de cada quen, tendo a referencia á especulación e á crise inmobiliaria á que pode aludir o título como trasfondo, como motor argumental, máis que como tema principal. Unha situación, un conflito, personaxes e diálogo Catro pés para o banco da comunicación teatral. Hai outros. Pero quixemos probar se chegaba con estes para que o banco se mantivese en pé. “Comidrama” Xa que o concepto existe, outorguémoslle un nome. Un termo que exprese esa alquimia dramática entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión. A espera, un eco beckettiano que chega de lonxe. O fracaso colectivo reverberando metaforicamente. A fraxilidade humana resoando no fondo do precipicio.