Coreografía que revisa a vida da musa de Dalí.
Por momentos Dous de Gala consegue desmigar a obra da artista ofrecéndonos un achegamento ó seu traballo creativo. Cabezas de tigre, costas espidas, un característico peito ao descuberto, unha sombra que danza xunto á xanela ao ritmo das ondas do mar e a proxección dunha lúa que termina dividíndose en miles de pequenas esferas fan alusión a un traballo pictórico no cal nunca sabemos onde acaba Gala e onde empeza Dalí. Á maneira surrealista, a maior parte do tempo non deixan de ocorrer cousas a miúdo sen ningunha relación entre elas dando como resultado un xogo de imaxes constante. Laranxas rodando polo escenario, personaxes que pousan coma se esperasen ser retratados, unha matrioshka que non cesa o seu movemento pendular nin por un instante e unha orxía protagonizada por Gala xunto aos homes que formaron parte da lenda surrealista: Éluard, Salvador e Max. Sen ningunha dúbida, hai unha investigación moi profunda detrás desta coreografía que logra dar total recoñecemento e absoluta relevancia a unha muller tan libre como adiantada ao seu tempo, pero que con todo sempre quedou relegada baixo a etiqueta de ter o privilexio de ser musa dun xenio.
Texto Judit Gallart