Cando marchei do circo, nos anos setenta, quería fuxir daquilo no que se convertera: Espectáculos infantís cheos de tradicións e convencións baleiras. Dentro de min, tiña fame de algo máis grande, máis esencial e excitante. Necesitaba provocacións, loitas políticas, unha arte necesaria e emocionante. Sei agora que lonxe de ser unha ovella negra, un revolucionario da pista, o meu instinto provocador estivo inspirado polo mesmo espírito libertario que movía aos meus ante-pasados. Fronte ao ríxido sistema de clases que dividía a sociedade, o circo clásico era un lugar onde a xente de abaixo, os obreiros, os campesiños podían liberarse e abrirse novos camiños na vida, eran heroes populares que demostraban que con esforzo físico, determinación intelectual e moito sentido do humor, os pobres podían salvarse. Quizais máis que o socialismo mesmo, o mundo circense era a encarnación en clave utópica da esencia filosófica do Século das Luces. Por nacer na última xeración do circo tradicional e telo coñecido desde dentro, na súa verdadeira narrativa dentro da historia, creo que podo en certo xeito considerarme: O Último Bufón. Non é só un espectáculo, é ademais unha volta consciente ás responsabilidades éticas da miña estirpe. É un levantamento popular bufonesco contra a tiranía de hoxe e de sempre.