Sabías que se conservan mais de 400 milagres de Santa María, en códices do século XIII... en galego? Sabías que a Divina Señora adquiría as formas máis sorprendentes para axudar ás persoas infelices que llo pedían? Sabías que nos tempos de medo e incerteza que estamos a vivir, hai millóns de persoas que siguen a pedir un milagre de María, a Estrela Matutina?
Sabías que a maioría dos milagres da Señora serían hoxe condenados pola igrexa e perseguidos polo código penal?
Para contar todas estas cousas, P.T. Excéntricas apresenta, ESTRELA DO DÍA, unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor. A palabra poética dos códices foxe do libro e encárnase na escena. As personaxes saen das miniaturas medievais e chegan aos nosos días da man e do talento de EVARISTO CALVO, ROCÍO GONZÁLEZ, VÍCTOR MOSQUEIRA
e PATRICIA VÁZQUEZ.
Estrela do día é unha experiencia para o público recuperar a fe no teatro, o único lugar onde o milagre aínda é posíbel.