En FANTAMIMO o espectador transita por un espectáculo composto por cinco historias independentes cun nexo de unión nos personaxes duns mimos que queren entrar no mundo da fantasía e aos que unha Emperador Malvado, similiar á Raíña de Alicia no País das Marabillas, non llelo permite. Historias interactivas onde personaxes extravagantes, raros e divertidos provocarán que nos mergullemos nun torrente de aventuras. Personaxes arrincados da fantasía do universo infantil e creados desde unha concepción do teatro como luz, movemento e emoción. Humor, fantasía, xogo, creatividade, tenrura, compañeirismo... cohesionan esta obra na cal se entrecruzan as aventuras de personaxes estrafalarios como Motoreta e Invisísifo (o contador de contos máis rápido de toda a galaxia); Bicicleta e Fétido (monstro que recolle o lixo que os humanos tiran aos ríos), Carballo (tenro mociño que personifica ás árbores autóctonas); Eucalipto (ser espúreo que todo o invade) ... FANTAMIMO provoca no receptor a reflexión sobre temáticas tan variadas como o reparto das tarefas do fogar, o cambio climático, as consecuencias negativas da agresividade e do medo, a pureza do mundo rural, a relevancia da lectura na formación plena do ser humano, a realidade esquecida das persoas de máis idade, e a discriminación por motivos de raza, xénero ou crenzas… Trátase dun espectáculo coral que persegue a finalidade de sensibilizar sobre a imperiosa necesidade de integrar e apoiar a todas as realidades sociais, sobre todo as máis desfavorecidas.