GORENTOSADAS invita ao espectador a entrar no mundo da creatividade, do xogo, da cor, do sorriso, da ledicia… como elementos esenciais sobre os que se estrutura a aprendizaxe dos personaxes que transitan polas diversas historias deste espectáculo. A través dun traballo interpretativo coral que combina linguaxe corporal, física e verbal prodúcese unha reflexión intensa e caleidoscópica sobre unha temática variada: a ecoloxía, o poder dos medios de comunicación, a magnitude do poder da estética, a creación literaria, os valores transmitidos polos contos tradicionais, o papel da muller na sociedade actual, os contidos da publicidade, as revistas e programas do corazón,… Varias propostas escénicas ensambladas coma un delicado mecanismo de reloxería, mimadas ata o máis mínimo detalle para acadar que o espectador transite polos carreiros da emoción, da sorpresa e da fantasía. Unha obra ateigada de luz, movemento, son, cor… adicada a aqueles que non teñen voz.