Oliver é un home que quere cambiar de vida. Durante unha entrevista de traballo a súa futura xefa ofrécelle probar uns fungos alucinóxenos. Oliver comeza a ver que no futuro quedará durmido diante do computador e que un cliente lle gravará co móbil dando cabezadas. Oliver quererá que o cliente borre ese vídeo do móbil, e o cliente non quererá. Da loita de dous cabezons nace esta historia de procura da dignidade e do sentido da vida. Unha viaxe iniciática que nos vai a levar a África, aos elefantes rosas, ao amor, á obsesión, ás violacións de morada, ás escopetas de caza, ao alcol, á traizón, aos soños roubados e aos mananciais dos que xorde a auga da vida. A Calma Máxica está dedicada ao meu pai, ao desexo de poder volver falar con el, e ao rexeitamento de que as persoas se vaian para sempre. Tamén ao pracer de lembrar historias como esta: Cando o meu pai viviu en Tellas fíxose amigo dunha parella de rancheiros que perderan a un fillo recentemente. O mozo tiña máis ou menos a mesma idade do meu pai e parecíaselle moitísimo. Parecíaselle tanto que os rancheiros lle fixeron a seguinte oferta: Se quedaba a vivir con eles, deixaríanlle o rancho en herdanza. Creo que aos meus personaxes pásalles o mesmo que ao personaxe de Mishima e “a medida que transcorre o tempo, os soños e a realidade chegan a ter o mesmo valor entre os recordos. Todo o que sucedeu na realidade mestúrase co que puido suceder. E, como a realidade deixa rapidamente o espazo aos soños, o pasado parécese cada vez máis ao futuro”.