Atenas. Dous irmáns, Hipólita e Leónidas, están namorados. Ela dun mozo chamado Tíndaro, el dunha xoven chamada Ximnasia, que, con todo, é... flautista. Pero nin Tíndaro nin Ximnasia son as parellas que o pai de Hipólita e Leónidas, un avaro recalcitrante, comerciante de viños, panos e liras, desexa para os seus fillos. Actualmente, atópase de viaxe de negocios. E deixou a cargo da casa á súa irmá Cántara, a tía solteirona que leva máis de corenta anos esperando a Filemón, o seu amor de mocidade, que un día saíu a comprar figos e xa non voltou. Hipólita quere fuxirse con Tíndaro, non sen antes conseguir o dote que o seu pai se nega a pagar. ¿Como conseguilo? Mentindo. Leónidas quere fuxirse con Ximnasia porque un tal Degollus, xeneral macedonio, comprouna para o seu uso e goce, e pretende levarlla. ¿Como conseguilo? Mentindo. Calidoro, escravo para todo, que coidou e viu crecer aos dous irmáns, que, como di el mesmo «só lle faltou darlles a teta», vese obrigado a axudalos. ¿Como? Mentindo. Mentres tanto, Cántara, despois de tantos anos de abstinencia, bótase o mundo por monteira e namórase dun xoven chamado Titinio, que en realidade non se chama Titinio, porque Titinio mente. E aparece Degollus, que tampouco resulta ser quen di ser, porque, claro, el tamén mente. E a todas estas mentiras, sumémoslles moitos piratas, e un vello chamado Póstumo, e a Tiberia, sempre fisgona e rabiosa, e unha nai misteriosa, que non se sabe moi ben que foi dela, e uns cuantos chipirones, e peras, moitas peras, e os marabillosos versos de Safo, e aínda máis mentiras. Mentiras todas elas urdidas para que o sangue non chegue ao río e triunfe o amor. Ah, e para que Calidoro, pobre, non acabe recibindo os paus como sempre. Aínda que, xa se sabe que, sendo escravo, non vai ser fácil. https://youtu.be/z45cfkwkgQs