A Sombra do Tenorio é unha das obras máis coñecidas e celebradas de José Luís Alonso de Santos, unha peza teatral, xa un fito nos escenarios españois, que vai cumprir o vinte aniversario da súa exitosa tempada no Teatro María Guerrero de Madrid. O autor é un referente da dramaturxia española dos últimos trinta anos, premiado con galardóns da talla do Premio Nacional de Teatro, contando na súa andaina profesional, ademais dunha vintena de estreas de obra propia, coa Cátedra de Escritura Dramática da Real Escola Superior de Arte Dramática e a dirección da Compañía Nacional de Teatro Clásico. A compañía MORFEO TEATRO, fiel a rescatar obras clásicas da literatura española, e consolidada en dez anos como unha das máis singulares do panorama nacional, presenta nesta ocasión unha incursión na dramaturxia española de finais do século XX, cun texto que, pola súa proximidade literaria, encaixa como luva na súa especialidade do clásico, cunha vangardista posta en escena que espera non deixar indiferente ao espectador. O vestiario está deseñado no máis puro corte clásico, e nun forte e singular contraste, os decorados toman a súa inspiración da pintura do expresionismo abstracto de mediados do século XX, e a música nos jazz bands de Nova Orleans. A obra, sen dúbida unha das mellores dramaturxias do autor, está ambientada na década de 1960 en España, e recrea, con soberbia beleza e desatada ironía, as mellores pasaxes do Tenorio de Zorrilla, da man e en boca dun vello cómico moribundo que ao longo de toda a súa carreira viuse abocado a encarnar o papel de Ciutti, o criado de Don Juan, o segundón, o gracioso, o bobo, e que se queixa, con emocións atopadas, de ser sempre un actor de segunda fila.