Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.
Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.
Muller. Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta.
Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros.
Chámase María Rosalía Rita de Castro.