No interior da residencia de verán dos Tyrone, un pai, unha nai e os seus dous fillos gozan dunha luminosa mañá de agosto en familia. Pero as risas e os abrazos deseguida deixan paso aos reproches e aos enfados. A familia esconde máis tristuras que alegrías, máis rancor que amor. O pasado atormenta, o presente derrúbase, e o futuro é imposible. Quérense e ódianse, apóianse e desprézanse, únense e sepáranse. Todos silencian palabras. Todos esconden sentimentos. Todos omiten verdades. Así, mentres James mente a Mary sobre a gravidade da enfermidade de Edmund, Mary ocúltalle a súa recaída na súa adicción á morfina. Ao tempo, James, inxenuamente, disimula ante os seus fillos a natureza do mal hábito retomado pola súa esposa. A Edmund inténtaselle minimizar o estado da súa grave enfermidade. Jamie disfraza baixo unha capa de cinismo o seu resentimento e os seus ciumes. Edmund intenta evitar que se saiba o que lle sucede á súa nai... Segundo transcorre o día, e coa néboa e o son dunha serea de fondo, a familia íspese, descóbrese e esborrállase nun espazo asfixiante. A alegre e brillante luz da mañá dá paso á suave penumbra da tarde e, ao final, a escuridade da noite desenmascara aos personaxes amosando os seus demos e debilidades.
CONSELLERIA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA DA XUNTA DE GALICIA E AGADIC