Dende tempos inmemoriais, o home e a muller, ou viceversa, tiveron a necesidade de expresar as súas emocións e os seus estados de ánimo cara o exterior, en ocasións sen motivo aparente… Ou si, simplemente pola necesidade de sentirse libres, sen ataduras de ningún tipo, onde o proceso de creación intelectual servirá para identificarnos e a vez diferenciarnos dos nosos semellantes e sobre todo fomentar un vínculo afectivo no que todos nos sintamos partícipes dun proxecto en común; neste caso, un prato de callos. A dor, a paixón o erotismo, o exhibicionismo, a transgresión, a orixinalidade, a impudicia, a imaxinación e por enriba de todo o “AMOR Ó ACTOR E Á SÚA CAPACIDADE INTERPRETATIVA” danse da man neste inclasificable proxecto de “TIRULEQUE” que mestura cine e teatro, e onde o espectador, a través de retallos de películas famosas e coñecidas, sentirase cómplice e partícipe dun elenco de 13 actores e actrices, coas súas vivencias e co seu compromiso sobre o escenario, durante unha hora e pico… E cando sintas que estás gozando co espectáculo “MANIFÉSTAO”, porque todos somos “TEATRO… E O TEATRO E VIDA”.