Talía teatro presenta unha revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro. Convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte, atoparedes aquí unha reinvención da obra de Goldoni que respecta o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, pero que busca tamén incorporar novas formas de teatralidade. No noso atrevemento non facemos outra cousa que intentar respectar o verdadeiro espírito da Commedia dell’Arte, do teatro renacentista italiano: a procura da innovación polo uso de todas as novidades escénicas posibles, a persecución do “espectáculo total”, unha obra que sexa capaz de deixar abraiado a todo o público presente. Así como a Commedia dell’Arte creaba unha paisaxe cómica e irreverente da sociedade italiana do momento, esta versión trata de construír un xoguete escénico onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son substituídos por empresarios e políticos, onde a vida mesma da nosa sociedade é retratada con irreverencia e descaro, buscando un espectáculo trepidante e deslinguado, tan mordaz como divertido. Oito intérpretes desenvolverán en escena un espectáculo de gran formato onde todo será posible, onde a mentira e a confusión serán a base do xogo, onde os distintos espazos mudarán á vista do espectador, onde riremos de todo e de todos, ata de nós mesmos. Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro. Hoxe, 24 anos despois do seu inicio, tense consolidado como unha das compañías galegas de maior prestixio e repercusión e ten afianzado un proxecto empresarial que xenera cultura e ilusión, ao mesmo tempo que consolida un equipo de traballo estable. Desde os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia. O traballo da compañía ten sido merecedor de numerosos premios polas súas montaxes.