O dragón da nosa peza non é un dragón do común. Trátase do derradeiro da súa especie. Porque os tempos nos que os dragóns eran tan correntes como o son agora os autobuses xa pasaron cando comeza o noso espectáculo. Será por iso que cando a princesa e o neno Telmo se achegan ao fondo da cova onde vive para acabar con el e cumprir así a tradición, o noso amigo négase a se mover: “Para que vou eu querer unha princesa? Nin sequera se me ocorrería comer unha cousa tan horrible”, di o xigantesco asombro. Á princesa Celia tampouco lle chista pasar á historia como a causante da extinción definitiva dos dragóns e, moito menos, ter que ser rescatada por un príncipe. Todos os que coñece son bastante parvos e, desde logo, moito menos hábiles ca ela coa espada. Baixo unha estructura clásica, relendo e inspirándonos en autores como E. Nesbit ou Kenneth Grahame, construimos unha brincadeira na que nada é o que parece. En tempos de cabaleiros e torneos a princesa Celia, o seu amigo Telmo, príncipe interino e o noso dragón protagonizan unha historia de amizade, reivindicando o pacifismo e a ternura como fórmula ideal de relacionamento. Ambos autores comparte na súa obra ingredentes para gustar á toda a familia: personaxes heroicos, seres fantásticos, nenos valentes, acción e sorpresa… e subliñan nas súas historias a defensa da convivencia para resolver conflictos e o poder enriquecedor da cultura.