A Panadaría é unha nova compañía de teatro formada por Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman. Co seu primeiro espectáculo “PAN! PAN!”, gañaron o 1º Premio Xuventude Crea 2013. PAN!PAN! é unha parodia, con música vocal en directo, dos westerns americanos. Conta a historia de Harry, un cowboy que viaxa de Mississippi a Arkansas perseguindo a un indio salvaxe que roubou á súa muller, da que está profundamente namorado. En escena, tres actrices constrúen 8 personaxes, 5 espazos e toda a música do espectáculo axudadas só por unha bandeira dos EEUU. A comedia fai unha caricatura dese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, as fedorentas cantinas e os desertos cheos de perigos. Como nunha película do Far West, haberá whisky, balas e country. Amor e vinganza a partes iguais!