“Viramos tolos pola tele” é un espectáculo do humor que parodia os magazines televisivos e a súa ampla diversidade de contidos, o que o converte nun espectáculo moi variado, áxil e dinámico, composto de moitas escenas ou seccións no que se abordan todo tipo de situacións divertidas da man dos personaxes máis extravagantes e os vídeos máis divertidos. Estas son algunhas das seccións: SUCESOS: Monólogo dun paisano que narra como un camión descontrolado atropelou ás súas vacas. CORRESPONSAL DE GUERRA: Un corresponsal enviado á franxa de Laza, relata as liortas que se producen na verbena durante as festas da vila. NECROLÓXICAS: O home das esquelas da parte das defuncións e de cómo era a vida dos finados. ECONOMÍA: Un rico empresario da construción e o seu herdeiro quéixanse sobre o difícil que é a vida dos ricos. MUNDO AUDIOVISUAL: Dous actores famosos presentan a súa última película contando anécdotas da súa gravación. ARTE E CULTURA: Un artista postcontemporáneo amósanos a súa última creación: Unha escultura postrealista titulada: “O meu cuñado Luis” MÚSICA. Un cantautor namorado dunha presentadora de televisión preséntanos a canción coa que declara o seu amor. FESTAS: O presidente da comisión de festas cóntanos como tivo que improvisar e facer as festas máis lowcost da historia. INFORMACIÓN METEOROLÓXICA: Unha confusión coas quendas de traballo fai que coincidan dous homes do tempo para dar a información meteorolóxica. TERTULIA: Como colofón do espectáculo, unha interesante tertulia sobre temas de actualidade, na que nos contarán as súas opinións Lionel Messi, Cristiano Ronaldo e Sergio Ramos. “Viramos tolos pola tele” está interpretado por catro actores e humoristas que se reparten máis de vinte papeis diferentes, o que proporciona unha variada dinámica de caracterizacións e interpretacións que leva ante os ollos do espectador unha ampla galería de personaxes, cada un máis disparatado. “Viramos tolos pola tele” é en definitiva, un espectáculo de variedades, onde hai monólogos, diálogos, tertulias, vídeos, música, improvisación, e moitas máis cousas, pero, sobre todo, o factor omnipresente: O humor. O humor en rigoroso directo.