Mofa & Befa regresan para colocar un dos mitos contemporáneos no seu sitio: o espírito romantico.A revolución que transformou o mundo e o converteu nun espazo de liberdade serve agora de desculpa para a creación de cancións e filmes con sobredose de edulcorantes sintéticas. Sí, os transboleros e as afterbaladas que martirizan usuarios de transportes públicos e visitantes de centros comerciais. O romántico ficou reducido a música de cantores como Sergio Dalma, os ollares de carneiro dos galáns de novela televisiva e á memoria para lembrar os aniversarios de vodas.Mofa e Befa, sensible ao auténtico espirito romántico, quere lembrar os cumes treboentos, as negras sombras, os monstros feitos de materia morta, os exangues amores de vampiros prolongándose nos séculos, as mulleres dacabalo fumando pitillos e os navíos errantes de matrícula holandesa.Un instrutivo repertorio de Mofa e Befa que se verá completado polos luminosos esclarecementos do doutor Cadaval e polo romántico bálsamo das aveludadas melodías de Piti Sanz.ROMÁNTICOS xa é un dos éxitos da tempada 2012-2013, con máis de 6.000 espectadores e unha nominación ós Premios María Casares (Víctor Mosqueira como mellor actor protagonista), igual que o anterior traballo de Mofa & Befa, “Shakespeare para Ignorantes”, espectáculo gañador dun Premio Max ó Mellor Texto Orixinal en Galego e con máis de cen funcións por toda a Península Ibérica.