Redrum Teatro é unha compañía teatral creada no 2009 por mozos procedentes do sector audiovisual que nace coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega. Apostamos por conxugar grandes valores da nosa escena con novos creadores cunha visión innovadora e arriscada. Entre as máximas da compañía está a posta en escena de espectáculos pensados para o público, primando a claridade na narración e un coidado deseño artístico. Sheyla acaba de ser abandonada pola súa parella. Laura e Fer quérena animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade os desexos que aparcara: escribir. Traerán a cear a Guillerme. El é o poeta capaz de namorar a calquera cuns breves versos. Pero a Guillerme non lle van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Guillerme desexa algo máis. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar. “UN HOME CON LENTES DE PASTA” Esta comedia negra estreada en Barcelona no 2010 recibiu o premio da crítica Serra D'or ao mellor texto teatral, o de mellor espectáculo nos premios Time Out no 2011, o premio Mi Butaquita de mellor obra no 2014 e estivo nomeada ao mellor texto catalán nos Premios Max do 2011