Non é ningún descubrimento decir que Lorca foi un dos nosos autores máis visionarios. A mestura de sabedoría popular e culta, de linguaxe próxima e á vez poético, de compromiso social e político con arraigamento á terra e ás tradicións, de innovación e tradición converten a Federico García Lorca nun poeta, nun autor que sempre merece a pena revisar porque sempre ten algo que achegarnos. Pero, quizá o seu profundo coñecemento do ser humano, dos segredos do corazón de homes e mulleres é o que mantén o seu teatro e a súa poesía tan próxima e eterna. Esta peza é unha obra sobre a actualidade. É unha obra sobre un momento singular na nosa historia, un momento de encrucillada humana, social e cultural na que debemos mirar as nosas raíces para entender quen somos. Quizá poderiamos dicir que a memoria e a liberdade de expresión e de creación artística son os dous alicerces sobre os que descansa a peza. Dicía Lorca en Comedia sen título que vimos ó teatro para ver o que pasa e non o que nos pasa. Esta peza pretende fixarse nese nós, pretende traer ao espectador ao centro da escena de maneira tal que poida, se quere, mirarse e recoñecerse. Esta peza pretende recoller a pregunta de como encher de estrelas un patio de butacas, como traer o cheiro do mar a unha sala de teatro. Como traer a realidade á escena? Dalgunha maneira iso é o que pretendemos con esta peza; traer un anaquiño de realidade á escena para vernos e pensarnos de maneira colectiva coa linguaxe do teatro que non é outro que a linguaxe da emoción e do corazón. Una noche sin luna é unha peza dinámica, atrevida, actual, pegada á realidade e a actualidade e á vez reveladora sobre a vida de Federico García Lorca. A obra apóiase en moitos textos poéticos e teatrais de Lorca pero tamén, e sobre todo, nas súas charlas, conferencias e entrevistas. Dese xeito accedemos ao Lorca quizá menos retratado, o menos narrado, o menos coñecido. Como todo o escrito por Juan Diego Botto esta peza non elude o compromiso, a emoción e o humor e como todo o dirixido por Sergio Peris- Mencheta a función non elude o dinamismo, o xogo e o lúdico.