A través dunha viaxe ao universo da creatividade, da fantasía e o humor xérase de forma coral o espectáculo VARIEDADES, unha obra que invita aos espectadores a reflexionar sobre a complexidade das relacións entre as persoas en diferentes etapas da súa experiencia vital: infancia, adolescencia e madurez. Mediante a colaboración dos integrantes das diferentes Aulas de Teatro de Palas de Rei, A Estrada, e Melide transítase polo mundo da emoción, da sensibilidade e do humor e abórdanse temas de actualidade que preocupan, interesan e atraen á mocidade e adultos/-as. Aparecen, así, ao longo do espectáculo reflexións sobre a violencia de xénero, o cambio climático, as consecuencias negativas da agresividade, as posibilidades e perigos das novas tecnoloxías, a problemática do mercado laboral, a realidade das persoas máis desfavorecidas, a discriminación por motivos de raza, xénero ou crenzas… Trátase dunha obra composta por varias escenas independentes elaboradas en horario extraescolar por alumnado de idades comprendidas entre os 10 e os 21 anos cunha finalidade de educar, madurar e integrar todas as realidades sociais.