Unha historia de amor. Un amor non correspondido ao que se entrega Lucía, unha xove arquitecta que investiu todas as enerxías na construcción dun depurado xardín sen plantas. Ao mesmo tempo, é unha navalla certeira (de cociña) dirixida ao corazón das verdades que adoitamos dar por adquiridas e das apariencias que non ousamos deixar de vestir cada vez que saímos de casa. Abel Neves axita as relacións familiares e o micro-cosmos no que se sostén a nosa (in)felicidade e confróntanos co poder das palabras simples, palabras que xorden case sen nos decatar e que á mínima fenda ou diante dunha circunstancia ocasionalmente máis desprotexida, rematan convertidas en coitelos letais. Palabras coas que prometemos o imposible e coas que defraudamos as expectativas. Palabras que, de súpeto, xa non nos serven para nada, pola simple razón de que xa non hai ninguén que as queira ou poda oír. E que, por iso, nos condenan ao silenzo. Unha historia de amor. O amor do autor polo humano e polas pequenas cousas que aínda non poden diferenciar da máquina. Como un xeito de chamada para que non estraguemos esa extraordinaria capacidade que nos diferencia en canto seres sensibles e racionais: a de nos oír unhs aos outros. Mariana, a aboa de Lucía, resolveu o enigma desde moi cedo. Coa sabedoría que propicia a idade, aconsella ao fillo: “Se oímos ben, respiramos mellor”. Pero na casa, ninguén a escoita.