Considerado un dos grandes do teatro europeo e venerado no centro do continente, o alemán Tankred Dorst asinou en 1991 un texto conmovedor sobre todos aqueles que non conseguen ser protagonistas, sobre a necesidade das segundas oportunidades e, en xeral, sobre a ausencia de xenerosidade no mundo de hoxe. Para facelo, móstranos as crises, sociais e persoais, que nos obrigan a reinventarnos, a buscar unha nova versión de nós mesmos. É o que se ve obrigado a facer Feuerbach, un actor maduro con grandes calidades que, aínda así, busca traballo. Terá que pedirllo non a un director de teatro, senón ao seu axudante, un mozo inexperto que acaba de chegar ao mundo do espectáculo e que nos fará pensar na forma en que funciona o mundo de hoxe. Cinismo, humor, forza, delicadeza... Son algunhas das armas que utilizará Feuerbach para tentar seducir ao seu mozo antagonista, nun exercicio de talento que se aproxima ao patetismo e que xera, á vez, tenrura e humor. O conxunto é un exercicio de poesía emocional que nos fala das grandezas e as miserias da condición humana mediante o traballo dun actor excepcional, Pedro Casablanc, que asume un dos grandes retos da súa carreira. Dirixe a función Antonio Simón, profesor do Institut do Teatre e director de escena cunha longa traxectoria que xa pasou polo Grec en seis ocasiones, a última delas en 2014, cando puxo en escena a peza Bartolomeu encadeado, de José Sanchis Sinisterra.